Wednesday 15 de May de 2024

A cociña coruñesa triunfa en Madrid Fusión con produtos de proximidade e técnicas de vangarda


Os cociñeiros coruñeses Manuel Triay e Sheila Barbeito desenvolven estes días a súa actividade en IFEMA Madrid dentro da feira internacional de gastronomía

O Concello da Coruña despregou este luns todo o seu potencial gastronómico en Madrid Fusión, a feira internacional de gastronomía que ten lugar en IFEMA Madrid. Desde hoxe e ata este mércores, a cociña coruñesa é a protagonista indiscutible da gastronomía atlántica grazas a pratos de vangarda elaborados polos cociñeiros locais Manuel Triay, da Taberna Triay, e de Sheila Barbeito, do restaurante Roots Coruña.

Nesta primeira xornada estivo presente o concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro. “Unha vez máis, o goberno de Inés Rey volve apoiar o potencial gastronómico da Coruña, protagonista indiscutible da gastronomía atlántica, demostrando que a nosa materia prima é excelente e que contamos con cociñeiros de vangarda que miran ao futuro da cociña sen perder a perspectiva do máis importante: a calidade e o sabor”, subliñou Castro.

Este luns arrancou cun almorzo doce que deu paso a unha sesión vermú onde se puideron degustar queixos Cagiao aderezados con produtos de Acastrexa, empanada de La Empanada Viajera e vermú ecolóxico Lodeiros. Porén, o punto forte deste primeiro día en Madrid Fusión tivo lugar ao mediodía grazas ás degustacións enmarcadas nas Xornadas Territorio Atlántico Reserva de Biosfera e Boucatise. Manuel Triay e Sheila Barbeito foron os encargados de elaborar pratos de vangarda con produtos coruñeses.
Pola tarde o público puido gozar novamente dun momento máis doce e unha selección dos mellores viños.

Programación para este martes, 30 de xaneiro

Mañá, martes, a xornada arrancará cun almorzo con chocolate de Chocolate Express e bica de Amasarte. Tamén será posible gozar dunha sesión vermú con empanada de chicharróns, queixo de Arzúa e cebola caramelizada de Casa Pardo; sardiña picante con marmelada de tomate de Conservas vexetais Amieiro, patacas fritidas de Bonilla a la Vista e vermú ecolóxico Lodeiros.

O prato forte deste martes será a Ruta da Tapa, onde o público poderá degustar chulas de cocido e queixo galego elaborados por Manuel Triay así como callos á galega por Sheila Barbeito. Todo isto, acompañados de pan Amasarte e viños Pagos de Brigante.

Pola tarde volverá o momento doce con Amasarte, infusións Orballo e cremas Lenatt; deixando para o final petiscos de bonitos de conservas coruñesas La Pureza macerados con viños Adegas Bordel.

O resto de xornadas de Madrid Fusión completaranse con produtos da Lonxa da Coruña,carne de Pío do Saleiro ou produtos ecolóxicos. Tampouco faltarán obradoiros de tapas ou cata de viños.